efdeportes.com
Proposta de integración do judo no medio escolar a partir
da superación dos problemas psico-afectivos derivados do contacto

  * Lic. en CC. da Actividade Física e o Deporte
Profesor Asociado da Escuela Universitaria de Profesorado de
E.G.B. de Huesca (Especialidade de E.F.) Profesor de Ensino Secundário (Educación Física)
no I.E.S. “A Pinguela” de Monforte de Lemos (Galiza)
** Lic. en Educación Física
Profesora de Ensino Secundário (Educación Física)
no I.E.S. “A Pinguela” de Monforte de Lemos (Galiza)
*** Lic. en Educación Física
Profesora Asociada da Escuela Universitaria de Profesorado de
E.G.B. de Zaragoza (Especialidade de E.F.)
José Ignácio Salgado López*
Susana Sangiao Novo**
Cristina López Villar***
(España)

 

 

http://www.efdeportes.com/ Revista Digital - Buenos Aires - Año 7 - N° 38 - Julio de 2001

1 / 2

1. Introdución

    Como é sabido no judo existiron de sempre programas para o seu ensino (GOKIO), mais a nosa intención non é meramente o ensino do judo, coma a transmisión duns contidos técnicos, coma era a visión tradicional (e aínda existe en moitos casos), senón que o judo deberia adaptarse á área de E.F. Ademais, a partir dunha análise das accións de combate, dámonos conta de que éste é un deporte de regulación externa (CECCHINI, 1989), onde é fundamental a participación do outro, e que sen esta interacción o noso deporte é imposíbel, e polo tanto, non se debe deixar estos aprendizaxes fóra do sistema de iniciación.

    Xurde entón outra cuestión; por que tradicionalmente se baseaba a aprendizaxe do Judo na asimilación de movimentos técnicos estereotipados? Fronte a esto a razón que se nos apareceu máis clara foi a da seguridade.

    O Judo é un deporte de contacto, e coma tal, presenta certa carga de violencia, aínda que controlada. En palabras de CARRATALÁ (1996), "o Judo non é un deporte perigoso, nembargantes (...), as pequenas contusións son inevitábeis. É por isto que os nenos con problemas de medo e demasiado retraidos, adoitan a abandonar frecuentemente". Nesta frase, pensamos que se atopa a pedra de toque fundamental na explicación da metodoloxía tradicional na iniciación ao Judo, onde o GOKIO ademais de estructurar os movimentos técnicos para facilitar a súa aprendizaxe, "debido á dificultade que entraña a aprendizaxe dos xestos básicos, amén da distribución por graos ou niveis de capacidades ou cinturóns" (CECCHINI, 1989, 171), preséntasenos, ao noso entender, coma un hábil sitema de control da seguridade nas accións, prantexando inicialmente as que se pensaba que procuraban menos perigo para os implicados, procurando con esto, cremos que sen se decatar, unha superación da incerteza que crea o "medo ao contacto" nos debutantes. Este tipo de metodoloxia, según CECCHINI (1989, 171) e CARRATALÁ (1996, 42), con aprendizaxes "non explorados polo alumno (...), non entendidos dentro dunha estratéxia global, nin captados cognoscitivamente, levaron a dous estilos distintos de entender o Judo:" un Judo técnico, para aprobar os exames de grao, modelado biomecanicamente e imposto dende o exterior, e un Judo práctico para o RANDORI e a competición, que parte da exploración e a intuición persoal .

    Por todo isto, pensamos que este non parece ser un método moi axeitado para a iniciación, coma así anda a ser corroborado por diversos autores que buscan nos prantexamentos de tarefas abertas a solución á mecanización que estaban padecendo os pícaros que se achegaban ó Judo. Ademais disto, é esencial na iniciación, non só ó Judo, senón a calquera deporte onde exista contacto, a superación deses problemas psico-afectivos que del se derivan (o que moitos especialistas xa dan en chamar "medo ao contacto"), posto que este non só son causa de abandono, senon que tamén presentan problemas e retrasos na adquisición de aprendizaxes desas prácticas, aspecto este fundamental nas clases de Educación Física, onde debemos optimizar o tempo ao máximo posíbel.

    O presente traballo pretende ser unha proposta para integrar o judo no sistema educativo actual, dentro dos contidos que se refiren á área de E.F., partindo dunha análise previa que procure a minimización das situacións que poidan causar retrasos na aprendizaxe (sobre todo as derivadas do contacto).


2. Situacións causantes de confito psico-afectivo derivado do contacto

2.1. Definición do concepto

    Ante a auséncia dunha bibliografia específica sobre o tema (ou cando menos é exigüa a que puidemos localizar e consultar), falaremos xenericamente de "Medo ao Contacto", (termo que moitos profesionais de E.F. e o Deporte xa veñen utilizando hai tempo, para referírmonos aos problemas psico-afectivos derivados do contacto -MIRANDA, 1992 e USERO, 1993), para referirnos a todas aquelas situacións onde existan contactos que poidan parecer, en principio, comprometedores para a integridade física do individuo implicado, ou que simplemente lles resultan violentos dende un punto de vista psico-moral.

    Tendo en conta que o noso proxecto pretende integrar o proceso de iniciación do Judo dentro das etapas de Primária e Secundária Obrigatória do novo sistema educativo, débenos facer pensar que a optimización do tempo de aprendizaxe debe ser unha das nosas preocupacións fundamentais, ademáis de que ó tratarse dunha matéria obrigatória temos que tentar achegar o deporte a todo os nosos alumnos, inclusive os máis reácios.

    Ademais, se pensamos que este é un aspecto que se pode integrar inicialmente dentro dos contidos de Educación Física de Base, pode desenvolver se un traballo específico prévio que redundará, ao noso entender, na adquisición do noso deporte en concreto.

2.2. Factores de infuéncia

    A continuación presentamos unha serie de factores que pensamos que poden repercutir dalgunha maneira na aparición ou non do "medo ao contacto", e que, polo tanto, deben ser tidos en conta por parte do profesor para facilitar a superación destes problemas psico-afectivos:

    O sexo: En princípio, pódese pensar que éste é un factor de tipo psico-social, xa que non atopamos incapacidade algunha para que as mulleres realicen contactos bruscos ou os homes suaves, aos que son normalmente reácios. Agora ben, debemos facer notar a existéncia, tal vez, dunha relación filoxenética neste aspecto, posto que en xeral no mundo animal as relacións entre individuos do mesmo sexo no caso fémias é moito máis próximo, no que se refire ao espácio, ca no caso dos machos, que normalmente son ademais os que delimitan o território.

    A idade: A maior idade suponse unha maior madurez, e polo tanto un maior control do noso esquema corporal, o que parece facilitar as accións descritas, e polo tanto, coa idade deberian ir desaparecendo os problemas de medo ao contacto. Ben é certo que os pícaros máis novos non adoitan presentar eses problemas (pelexan entre eles "amigabelmente", rodan e se tiran polo chan, empurranse, acaricianse, etc...). Agora ben, debemos considerar tamén a importáncia dunha fase como é a adolescéncia onde, coma xa comentamos, os cámbios morfolóxicos debidos á pubertade, e sobre todo os psicolóxicos poden dar coma consecuéncia un incremento destes problemas psico-afectivos derivados do contacto. Desto que estamos a falar pode ser un exemplo as accións desenvolvidas de forma mixta entre rapaces e rapazas, onde poden aparecer situacións calificadas a cotío de "violentas" se non se ten traballado antes estes temas. A esto teriamos que engadirlle que nesta etapa da vida é normal o incremento da torpeza nas accións desenvolvidas, debido o déficit coordinativo a causa do repentino cámbio que se produce.

    A constitución física : Unha maior corpulencia dará unha maior seguridade nos contactos bruscos, posto que normalmente non levará dano algún co que se ve favorecida a toma de decisión. Nembargantes, un enfrontamento dun rapaz máis "feble" e pequeno con outro maior pode ser causa de rexeitamento no contacto, polo que éste poderia ser un factor de progresión no traballo por superar eses "medos".

    As experiéncias previas: Obviamente un individuo con abundantes experiéncias positivas en contactos de todo tipo vai ter menos problemas á hora de afrontar outros novos. Tamén debemos resaltar, o feito de que as lesións sofridas parecen ser unha fonte inesgotábel de problemas, á hora da toma de decisión en situacións determinadas, moitas delas relacionadas ben directa ou indirectamente co contacto.

    O control coporal: Moi relacionado co apartado anterior e cos temas da esquema corporal. É aquí onde o tema do "medo ao contacto" se relaciona máis intimamente coa E.F. de base. RIGAL (1993, citado por DOPICO & IGLESIAS, 1996, 17) afirma que "o esquema corporal é elaborado a partir da própria experiéncia, e está relacionado coa maduración do sistema neuro-muscular, permitindo o desenvolvemento das sensacións quinestésicas, que favorecerán a súa vez a estructuración do citado esquema", polo que "é fundamental potenciar ao máximo estas sensacións cando o judoca se atopa nos estadios elementais". A esto debemos engadir que segundo BARBOT (1988) no caso do judo, "para o debutante só parece ser significativo o espácio que ten diante del: organiza toda a súa actividade motriz cara adiante. Así , en preséncia de dous debutantes, o combate se reduce a unha oposición recíproca na que cadaquen tenta de ser máis forte que o outro e facer caer ao adversário cara atrás, (...). A continuación (...) os progresos aparecen cando un dos adversários comeza a extender a sua actividade no seu espacio lateral (...). Outros progresos aparecen cando un dos contendentes organiza a sua actividade no seu espacio posterior (...), puidendo sacrificar cara atrás o seu equilibrio. (...). Ao final, o nivel máis elaborado caracterízase por un combate que extende a súa actividade nun "espácio total" orientado en relación coas necesidades instantáneas da tarefa."

    Así pois, e tendo en conta que a adquisición do control corporal está moi relacionado coas experiéncias motrices vividas polo individuo, observando ademais que é fundamental na progresión ter en conta as situacións que menos incerteza provocan son as frontais (posto que é o primeiro que o individuo integra do seu esquema corporal) logo as laterais e por último as accións relacionadas coa zona das costas.

    A fatiga: De todos é sabido que a fatiga afecta tanto aos procesos de percepción e procesamento da información, coma ós procesos decisionais e de execución, estando todos eles distorsionados tanto máis canto maior é esa fatiga, polo tanto pensamos que este aspecto poderia ser tamén un factor de progresión.

    A altura da caída: Fai referencia a apreciación da distáncia do chan á cabeza (debido principalmente ás referencias visuais), ante unha situación de perda de equilíbrio. É un factor fundamental para que a progresión na aprendizaxe das caídas se produza de forma contínua. Polo tanto será necesário disminuir ao máximo posíbel esta altura para ila incrementando aos poucos, segundo as adquisicións técnicas melloren.

    A técnica: Algúns autores, como USERO (1993), entenden que unha correcta execución das accións motrices poden evitar lesións, polo tanto podemos considerar a técnica como un factor sobre o que podemos incidir para evitar que xurdan conflictos afectivos.

    Factores psicolóxicos: Existen outros factores de máis difícil definición e, polo tanto, máis difíciles de traballar coma a valentia, a confianza nun mesmo, estados de estres ou ansiedade, etc...

    A velocidade: Fai referéncia á dous aspectos: por un lado , refírese á rapidez do movimento do indivíduo prévio a un impacto con outro, co chan ou ben cun obxecto e, por outro, refírese á rapidez relacionada coa toma de decisión, e polo tanto de canto tempo se ten para decidir a acción axeitada. En ambos os dous casos a velocidade se relaciona co aumento de incerteza, e polo tanto coa aparición de dúbidas na toma de decisión, polo que nas situacións iniciais debemos procurar ralentizar as accións na medida do posíbel.

    A instalación: Está relacionada coa seguridade. Debemos ter en conta principalmente: o chan: é causa da aparición de moitos conflictos no caso das acción que impliquen caidas. En princípio, debemos tentar que o chan sexa o máis brando posíbel, sen rugosidades, non deslizante...; a proximidade de posíbeis perigos: as paredes, columnas, bancos suecos, etc... abundantes normalmente nos xinásios dificultan moito a superación de certos medos relacionados coas caidas; a amplitude dos espácios: un espácio excesivamente reducido dá coma consecuencia dificultades na progresión das caídas, posto que o indivíduo ten que ter presente ademais da execución motriz, o feito de non sair dese espácio.

    O número de practicantes: Relacionado directamente co apartado anterior, un número elevado de practicantes nun espácio reducido pode dificultar a execución correcta das accións así coma a sua aprendizaxe (falta de concentración, constante control dos outros practicantes, etc...).

    O tipo de contacto: Hai contactos que se superan antes que outros, algúns dos que, según o indivíduo, poden chegar a non se superar nunca, ainda que poidan suavizar os seus efectos. Se ben pensamos que que depende moito do indivíduo, cremos que os contactos rexeitados socialmente son máis difíciles de superar e fonte inesgotábel de conflictos na toma de decisión. Podemos diferenciar:

     Contactos interpersonais ou corpo-corpo: Estes refírense, claro está, aos contactos entre dous indivíduos, podéndose falar á vez de contactos interpersonais: BRUSCOS: onde o factor forza e velocidade (e polo tanto poténcia) é un factor importante, coma poden ser no caso do Judo os empurres e traccións, cargas, etc... Normalmente a presencia do "medo ao contacto" débese a unha actitude conservadora da integridade física dun ou máis indivíduos implicados; SUAVES: o compoñente afectivo e comunicativo é o fundamental desta volta; no Judo son claros exemplos destes sobre todo moitas das accións desenvolvidas no chan. Agora existe unha gran influencia moral e psico-social que é a orixe do rexeitamento deste tipo de contactos.

    Contactos corpo-chan: Son os que se producen entre un indivíduo e o chan estando comprometida normalmente a verticalidade ou equilíbrio do indivíduo. Podemos considerar dous diferentes tipos, coma son: AS CAIDAS INVOLUNTÁRIAS ou VOLUNTÁRIAS. Agora ben, tendo en conta que en relación co tema que tratamos pónsenos de manifesto a importáncia do mecanismo de toma de decisión, vemos claramente que as caidas involuntárias non poden ser tratadas da mesma maneira que as voluntárias, xa que nas primeiras a orixe das situacións de "medo" prodúcense coma asociación dunha acción distinta e posibelmente fortuita , cunha situación de perda do equilíbrio e posibilidade de risco para o indivíduo, co que se pode chegar a dar lugar a aparición de situacións de medo debidas a accións que, en princípio, non mostran nengún tipo de perigo. Nembargantes, nas segundas, a própria caida é a orixe da incerteza, e neste caso, a dificultade na toma de decisión pode vir marcada ben por apreciar unha situación comprometida para a integridade física do indivíduo ou ben por problemas derivados dunha orde máis social (sobre todo inicialmente, onde se considera o chan coma algo suxo e orixe de enfermidades). No caso das caidas voluntárias podemos diferenciar vários tipos segundo as súas características, e con distinto grado de incertidume cada unha deles, podendo falar de: caidas laterais, frontais, de costas, segundo a sua dirección; en volteo ou prancha, segundo a sua forma de execución; etc...

    Contactos corpo-obxecto: Se producen entre un indivíduo e algunha cousa, normalmente un móbil, non presentando, polo tanto, interese algún no caso do Judo.

    O profesor: Un profesor que non transmita seguridade e control das situacións comprometidas dificilmente será quen de axudar a superar algún problema psico-afectivo aos rapaces.

    As regras de xogo: Na clase de E.F. normalmente se utilizan gran cantidade de xogos. USERO (1993, 255), afirma que o regulamento debe de estar redactado "para dar seguridade aos xogadores, evitando os posibeis riscos". Polo tanto, deberemos adaptar as regras e normas deses xogos á capacidade motriz real que desenvolvan os nosos alumnos.


3. Fases de iniciación ó judo no sistema educativo

    O noso proxecto presenta unhas fases de iniciación adaptadas á nova estructura do sistema educativo, partindo da Educación Primária, ata a E.S.O., rexeitando o Bacharelato por non tratarse dun ensino obrigatório.

    Ainda así, os obxectivos e contidos que a continuación proporemos farán referéncia á proposta xeral da fase en cuestión, deixando que o plan anual se realice en cada caso concreto, posto que pensamos que cada profesor debería ter en conta as situacións reais coas que se atope. Estas fases se rixen polo seguinte esquema:


Fases do proxecto de adaptación da iniciación ao judo no ensino obrigatório


3.1. FASE 1: Fase exploratória

    Esta primeira fase de iniciación deportiva, denominada "exploratória" por LE BOULCH (citado por CECCINI,1989, 170), pon grande énfase no feito de "sondear, buscar, comprender dun modo activo, na própria práctica, recoñecendo e organizando experiéncias activamente adquiridas".

    FITTS (citado por CARRATALÁ, 1996), chama a atención sobre a importáncia que ten para o aprendiz nesta etapa a comprensión da finalidade perseguida nas tarefas por el desenvoltas. Así pois, xa dende un princípio, pensamos que é necesário que o obxectivo principal das tarefas ou xogos que se realicen debe ser o de pór ao opoñente de costas contra o chan.


Lecturas: Educación Física y Deportes · http://www.efdeportes.com · Año 7 · Nº 38   sigue Ü